Tambasiàre
En definición de Montalbano, tambasiàre: pasear de cuarto en cuarto sen propósito definido, ocupándose en miudezas
2/3/22
Tarde luminosa de amizade e mar
Volvín a camiñar pola costa da Barbanza cunha amiga esencial e única, á que me unen vivencias, querencias, palabras e silencios. Despois duns anos sen vérmonos, cada unha coa súa mochila un pouquiño máis chea, pero tamén máis libre dalgúns pesos innecesarios, vivimos xuntas unha tarde de luz e mar como tantas veces atrás, enchendo os pulmóns do aire vivificante que trae o Atlántico, agatuñando polas penas como cabuxas.
10/2/22
4/12/20
Nostalxia de luz
Era un día luminoso de comezos de setembro, nordés soprando forte e limpando a atmosfera, temperatura alta. Aínda era verán, ese verán estraño no que agardabamos saír da pandemia e retomar as nosas vidas en suspenso.
20/5/20
Apenas catro meses atrás...
Unha tarde de xaneiro, aínda no descanso do inverno, pasei unha tarde de chuvia na casa, xogando coa cámara, na aventura de buscar unha imaxe para unha actividade, que puidera representar a diversidade, a alegría, a colaboración, os matices, o protagonismo de mulleres valentes, a cohesión, o analóxico máis aló do dixital, a innovación nas cousas sinxelas pero eficaces... e houbo cartel e difundiuse... e logo veu o GRAN PARÓN, e aló foi todo... pero ninguén me quita esa tarde de pracer e descubertas.
10/5/20
Miradas gatunas
Ás veces, é difícil aguantar a mirada a unha gata. Entre o misterio, a interrogación, a súplica, a recriminación... a cousa é que Klara quer saír e non pode. Aprendeu a mirar así para romperme o corazón, ben o sei.
18/4/20
4/4/20
Unha nube, unha árbore, unha luz
Ás veces algo chama desde a fiestra e non sabes moi ben que é, unha luz que pasa, unha nube, unha folla que se move... estás esperta apenas, só o móbil á man para intentar deter ese destello...
19/3/20
Primavera estraña
Estas floriñas pequenas alegran unha esquina da maceteira mentres o resto aínda está espreguizándose. Ao mirar para fóra, nesta primavera estraña, a mirada pousa nos gromos que pulan por abriren, nas follas novas das árbores urbanas que comezan a verdear, e andan despistadas con tanto silencio.
16/3/20
A poesía que nos salva. Día 3 do "encerramento".
Dia longo de máis. Traballo desde a casa, videoconferencia, primeiras instrucións para axeitar o modo "teletraballo", revisión dos procesos que están a medias, das cousas máis urxentes, do que cómpre iniciar. E para que o traballo non o coma todo, á tarde, lectura pendente de poemarios que agardan. Ao final, hai que ir beber ás fontes máis antigas para acougar a sede. Vou!
14/3/20
Klara exploradora. Día 1 do "encerramento".
Este día estraño no que algo pasa e non sei o que é... sacáronme un xoguete á terraza, para ver se así non escapo. Non me fai moita graza, pero cando non me vén xogo un pouco cos colgarexos. Estase ben aquí, o sol xa quenta un pouco e hai moitos escondedoiros...
8/3/20
Verticalidade
Un pau chantado na area, un paxaro que desexa voar e, atrancado, estira o pescozo cara o azul, un ollo agoniado...
22/2/20
Cruzámonos
Cruzámonos ao longo da vida con persoas moi diversas, dalgunhas nin nos decatamos; outras parece que sempre van estar aí, que imos volver compartir con elas, en calquera momento, a nosa mirada sobre o mundo: mañá non, pero ao mellor o mes que vén, ou dentro de tres meses; nin o pensamos porque non forman parte do círculo máis proximo, pero si son parte da parte de mundo que nos gusta... e resulta que non, que un día vanse sen avisar e déixanche unha fonda tristeza.
15/2/20
Xogos de infancia
Unha das lembranzas iniciais da miña infancia: véxome no patio de recreo das Carmelitas de León (chan de terra dourada); non teño máis de catro anos, e subo como unha moniña por unha estrutura curvada, de ferro pintado de vermello, estou boca abaixo... mirando para miña nai e meu irmán pequeno que agardan por min. Non teño medos... Esta nena volveu evocarme, como tantas veces fan as nenas nos parques, aquel momento...
7/2/20
Palmeiras ao ar
Ollándoas entendo perfectamente o significado do termo "lanzal". Jerez de la Frontera (Cádiz), nunha mañá luminosa de inverno.
7/1/20
Autorretrato de inverno
Os Reis Magos trouxéronme unha caixiña de "retos fotográficos": 30 propostas para sacar a cámara de paseo. Hoxe fun á praia con Isadora e fixen este autorretrato com resposta ao primeiro desafío: #me
22/9/19
20/2/19
1/2/19
24/1/19
22/1/19
Os dados da Vida
Quen sexa que botou os dados dalgunhas historias reais demostrou ter unha man, que así lla coma un porco.
21/1/19
Moda tradicional
Quixen sempre ter un traxe tradicional, polo momento merquei unha saia moderna, produto da "apropiación cultural"... e vou safando.
19/1/19
Mullerasas
Mulleres fortes do meu país; das que enfrontan as adversidades coma os temporais, abrighadas pero sen botarse para atrás...
18/1/19
A caixa das cunchas
Gardo cunchas en caixas, cunchas humildes, testemuños de camiñadas solitarias polas praias do Barbanza... polas praias todas por cantas andiven. Tamén gardo pedriñas...
16/1/19
14/1/19
Aperta
Despedida tenrísima diante miña. Na parada do bus cara ao aeroporto xuntabámonos as pasaxeiras doutras liñas e nese ir e vir de caras anónimas, elas apertáronse como só se apertan os novos, ou os moi vellos...
13/1/19
10/4/18
Suscribirse a:
Entradas (Atom)