26/6/11

A triloxía de Rosalie Blum

Un agasallo para os ollos, unha exquisitez que botarse á boca... uns libros para ter e revisar, como se teñen os bos poemarios. Porque esta Camille Jourdy, tan nova ela, afonda nos mundos da soidade e das relacións na sociedade actual, dunha forma tan lúcida, tan divertida... porque ten unha mirada tan incisiva e á vez tan doce, tan tenra... Porque se len con avidez, e deixan ganas de máis, de máis...
Porque é un exemplo da boa literatura que se está a editar en cómic...

13/6/11

Un home le...

É unha mañá fermosa e a luz entra espida desde o patio central do edificio... Mentres agarda, un home le, alleo aos movementos de compañeiros que van chegando. A escaleira é un dos espazos máis gratos para a lectura, para o recollemento, para as confidencias, para a observación... e incluso para pasmar...

5/6/11

Unha tarde en Carboeiro, unha tarde non é nada...





Fun en amizade a Carboeiro, pasar a tarde nos XII Encontros de música tradicional, que organiza a Asociación Intercultural Santa Ferreña, de Bandeira, no mosteiro de Carboeiro. Foi unha tarde fermosa, de reencontro coa música do país, feita con agarimo, con paixón, con alegría, por xentes de todas as idades e de toda condición...
Mulleres e homes, "persoas curvas", no seu corpo e na súa forma de estar no mundo. Xente humilde como os instrumentos pobres de Xavier Blanco. Xentes que pasan á acción, día a día, resistindo fronte á pretendida globalidade, que esnaquiza o diverso e anula o plural, o que une, o que se comparte, o que alegra, o que cuestiona. Xente que fala galego e llelo aprende ás súas crianzas e se enorgullece do que lle é propio e o espalla ao tempo que o cuida con agarimo.
En fin... foi unha tarde das que poñen ás nos pés e un sorriso nos beizos....