19/3/12

Apenas un instante...

É apenas unha luz presentida, un instante, un aviso de que "aí" hai algo, e entón enfoco e oprimo o disparador... Non é perfecta seguramente, pero é unha percepción miña detida no tempo... esa conexión con outras imaxes vividas, esas asociacións ás veces ocultas, ás veces evidentes para min xa desde o inicio... Neste caso foi a nube reflectida na auga a que me moveu a disparar, pero agora vexo esas árbores trémulas e paréceme unha pintura, unha acuarela na lámina de auga do río Ulla, a recoller a luz da tarde... e non me decepciona...

Moraima



En Granada, nunha noite fría de xaneiro, paseando ao Albaicín, atopei este mirador de Morayma e lembrei un dos poemas que máis me gustan de Celso Emilio Ferreiro:

Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a espranza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.

Cando quero soñar
digo Moraima.
digo Moraima
cando a noite é pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.

Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abafa.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.

Cando quero surrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é crara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.

Cando querro morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non dicir Moraima.

Por terras rosalianas...

Tarde de primavera por terras de Padrón: as pesqueiras da lamprea, Santa María de Herbón, esa fermosa igrexa románica aínda descoñecida para min... O Ulla baixaba quedo e o sol quentaba a modo... todo placidez para un día de agasallo...