19/3/20

Primavera estraña


Estas floriñas pequenas alegran unha esquina da maceteira mentres o resto aínda está espreguizándose. Ao mirar para fóra, nesta primavera estraña, a mirada pousa nos gromos que pulan por abriren, nas follas novas das árbores urbanas que comezan a verdear, e andan despistadas con tanto silencio.

16/3/20

A poesía que nos salva. Día 3 do "encerramento".


Dia longo de máis. Traballo desde a casa, videoconferencia, primeiras instrucións para axeitar o modo "teletraballo", revisión dos procesos que están a medias, das cousas máis urxentes, do que cómpre iniciar. E para que o traballo non o coma todo, á tarde, lectura pendente de poemarios que agardan. Ao final, hai que ir beber ás fontes máis antigas para acougar a sede. Vou!

14/3/20

Klara exploradora. Día 1 do "encerramento".


Este día estraño no que algo pasa e non sei o que é... sacáronme un xoguete á terraza, para ver se así non escapo. Non me fai moita graza, pero cando non me vén xogo un pouco cos colgarexos. Estase ben aquí, o sol xa quenta un pouco e hai moitos escondedoiros...

8/3/20

Verticalidade

Un pau chantado na area, un paxaro que desexa voar e, atrancado, estira o pescozo cara o azul, un ollo agoniado...